sombras

Em sonhos, é sabido, não se morre…

… aliás, essa é a única vantagem.

Acordar na luz turbia da madrugada coa sensación de ter estado noutro mundo. Sentir a estrañeza do aquí-agora fronte ao aquí-agora do soño, a almofada mollada polas bágoas que, sen querer e sen sabelo, choraras ante a expulsión do paraíso. E o corazón pesado e gris coma un bloque de sal que nunca vira a luz do día.

No soño, estabas na casa dos avós. Era 1995. E ti, a-de-agora, estabas vendo todo do entón, cando o mundo era grande e inmutábel e ti aínda non aprenderas ler os sinais do tempo nos rostros dos avós. Cando o cabelo do pai aínda estaba negro e os ollos do avó aínda azuis e cheos de luz.

Volver a ese lugar, a ese tempo. Sentir cada pedra debaixo dos pés e ver cada greta no muro da casa vella, e saber, no soño, que o tempo que che foi dado para pasar alí é curto e irreal na súa realidade concreta.

Acordar, co corazón pesado e gris coma un bloque de sal.

 

Estándar

Deixar un comentario