a novela das cinco da tarde,pequena poesía urbana

a rapaza que vivía nunha burbulla

(a Zeltia, quen me falou de soños)

Co tempo, ela chegara a entender que vivía nunha burbulla. Era unha esfera perfecta, transparente, selectivamente permeábel, atemporal. Onde o espazo podía contratarse ata ela sentirse completa e maternalmente protexida, ou podía estoupar nun xeito de big bang até comprender a cidade onde ela vivía, naquel país que non era o seu, e mais a cidade da infancia e da familia, a 3000 quilómetros de distancia, e mais o país da música de recente descubrimento… A burbulla era o mundo. Un mundo tan seu que alén das fronteiras dela non había máis nada. Terra incognita: Hic sunt leones.

Ela non sabía como a burbulla cobrara existencia. Quizais ela a imaxinara e aparecera. Ou quizais fora tomando forma e consistencia con cada experiencia que ela vivía. Na burbulla o ar era mol, a luz dourada e había un arrecendo a salitre, pedra mollada e sabas acabadas de secar. A burbulla tiña unha acústica impecábel, boa memoria para a música e un claro carácter hedonista: a rapaza non sabía por que, nalgunhas noites, sentía inquietude e tiña que saír a buscar sons e cores, cheiro a fume e a viño, calor de lugares latexantes de xente.

A burbulla encapsulaba súa ocupante, mais permitía aos de fóra entrar. E as súas imaxes amigas tornábanse capas transparentes, selectivamente permeábeis, atemporais. E a burbulla estaba cada vez máis forte, cúpula de cristal vivo, segunda pel, quente, protectora. E por dentro soaban voces meigas e cordas comportadiñas, e  era sempre outono, un outono leve como unha caricia. E a rapaza xa saía na rúa sen paraugas, e xa non se sorprendía que a choiva non a mollase: no fin de contas, a choiva era unha capa máis no tecido da burbulla.

Até aquel día, cando todo o espazo da burbulla encheuse de maletas, roupas, libros, discos, amores e memorias ben empaquetadas e dentro da esfera o ar tornouse cemento. E así foi que a rapaza viuse soa no ventre do avión que a levaba lonxe: a burbulla desvaneceuse aos poucos,  tan discretamente como aparecera.

Dende aquel día, a rapaza sen burbulla vai polos seus camiños como se algo lle faltase. Camiña ollando arredor como alguén que espera atopar un amigo. E seguro, nalgunha rúa daquela cidade mollada polas choivas de novembro, anda perdida unha burbulla sen ocupante, perfecta, transparente, selectivamente permeábel, atemporal. Soa.

Estándar

One thought on “a rapaza que vivía nunha burbulla

  1. aaai, pero que ben ter tido unha burbulla!
    igual un día apareces nela, tan discretamente como a primeira vez…
    e onde andarán as burbullas non nadas, as que lle corresponderían a mulleres coma min…

    lindo ver o meu nome aí!.
    gustoume asistir á creación [e destrucción, lástima…!] do mundo burbulla

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s